domingo, 20 de mayo de 2012

A miña tese de doutoramento


Enrique Valero e Miguel Boo


Segundo a tese de doutoramento do escritor e xornalista Miguel Boó

A falta de comunicación entre científicos e xornalistas fomentou a mala imaxe do eucalipto

O eucalipto, vítima dun xornalismo afastado das directrices de expertos

Bea Feijóo | Pontevedra
De todas as especies plantadas en Galicia, o eucalipto é das que goza dunha menor estima por parte da opinión pública, consecuencia de que “durante 35 anos padecera os efectos perniciosos da mala prensa”. Esta é unha das conclusións que Miguel Boó reflicte na súa tese de doutoramento, na que analizou as informacións que recollían os xornais en Galicia sobre o eucalipto dende 1975 a 2010, para contrastalas coa produción científica dos grupos de investigación expertos no estudo da especie. Tras afondar no tratamento que a prensa lle deu ao eucalipto, Boó sinalou que as afirmacións publicadas, facilitadas por fontes populares, crearon unha “imaxe distorsionada, mítica e falseada da especie arbórea”, dando lugar a un tipo de xornalismo “afastado das directrices dos expertos”.

Na súa tese de doutoramento, dirixida polo profesor Enrique Valero e calificada cun sobresaliente
cum laude por unha unanimidade, o investigador e xornalista explicou que non era sorprendente a oposición da opinión pública á plantación do eucalipto “se dous presidentes da Xunta, parlamentarios, gobernadores civís, alcaldes, sindicatos, partidos políticos, xornalistas, cleros, estudantes,asociacións ecoloxistas, veciñais... declararon abertamente que era tóxico, destrutor da riqueza mariña e medio ambiental ou ata culpable da esterilidade das mulleres e das vacas”, engadiu. Boó apuntou como dato curioso o rango e a veracidade que nos medios de comunicación se lles deron a estas informacións “chegando a dedicarlle cinco columnas a unha carta de opinión dun tal Pompilio César Abeya Cruz”. Non obstante, advertiu que a ausencia de voces de expertos e científicos non se traduce “nunha acción deliberada por parte dos medios de comunicación”, senón máis ben dunha falta de iniciativa por parte da comunidade investigadora “que non accedeu á prensa e polo tanto non se reflectiron as súas opinións”.

Dez mitos sobre a especie

Boó foi quen de identificar dez mitos ou visións estereotipadas da realidade do eucalipto que recollían os xornais. Entre outras cuestións, esta especie era "culpable” de esgotar o chan ata convertelo en desértico; de incompatibilidade con outras especies; de que non protexe a superficie da erosión; de consumir máis auga que ningunha outra árbore; de favorecer a expansión do lume; de ser medioambientalmente “perversa”, de prexudicar a paisaxe e a saúde “e de ser un cultivo que desvaloriza a terra e que só vale para producir pasta de celulosa”. Ningunha destas afirmacións frecuentes na prensa durante os 35 anos analizados “estiveron avaladas por algún documento ou por algunha publicación” e indicou que no período comprendido entre 1975 e 1990 “o 97% das noticias analizadas eran contrarias ao eucalipto”, mentres que do 2000 en adiante “un 60% xa non amosan oposición para deixar de ser tema de actualidade”.

Contraste coas publicacións científicas

Ademais de revisar dez xornais publicados en Galicia e cinco revistas, Boó recorreu a fontes científicas escritas por máis dun centenar de investigadores para contrastar a versión que as organizacións ecoloxistas, veciñais e sindicais daban sobre “os perigos” do eucalipto. Das dez "liñas de ataque" que o investigador detectou, ningunha foi avalada pola comunidade científica tanto que, algunha das fontes expertas citadas, reflicten beneficios como “secuestrador de dióxido de carbono, protector acústico e da erosión, produtor de madeira de calidade, xerador de riqueza...”. Segundo o investigador, a “falsa” idea de que o eucalipto só se planta para a produción de pasta de celulosa foi o argumento que máis prexudicou a súa imaxe. “Sempre se asociou a materia prima co proceso industrial das celulosas, o que danou sumamente a concepción do eucalipto”, apuntou o profesor Valero, lembrando ademais o papel importante que desempeña na economía de Galicia e de Pontevedra en particular.

RESEÑAS NOS MEDIOS:

Diario de Pontevedra
La Voz de Galicia
Faro de Vigo
Noticias Galicia


No hay comentarios:

Publicar un comentario